lunes, 21 de abril de 2014

Articulo de Brais González Arrivas (Revista Thaumazein VI, da UCV)

Un paradigma en ruinas

Se se puidese sintetizar nunha soa verba a situación actual habería que recorrer ao moi pouco orixinal termo “crise”. Non diríamos moito se nos deixásemos levar polas análises que habitualmente se nos amosan nos medios tradicionais de comunicación, maioritariamente,- así é o sino dos tempos- economistas. Con todos eles coincidiríamos en sinalar que nos atopamos hoxe nun momento de crise, crise económica, crise social e crise política, que ameaza con mudar radicalmente o estilo de vida, os patróns de organización da existencia, as crenzas e valores as normas e os réximes e condicións laboráis, diluíndose os máis básicos servizos e prestacións que o Estado no marco da estrutura de benestar e dereito, tivo ofrecido no contexto de  desenvolvemento económico experimentado durante os últimos decenios. Agora ben, o certo é que seguramente diverxeriamos na valoración do alcance e profundidade da devandita crise. Mentres neste establishment dominante se apela a una situación momentánea e pasaxeira, onde ou ben se require una redución dos déficits públicos a través de políticas económicas de austeridade – acompañadas de privatizacións e/ou reducións das prestacións e servizos públicos-, capaces de xerar novamente una situación de confianza nos mercados financeiros que permita que o crédito flúa, e con iso un posterior crecemento que faga posible o aumento do emprego e con elo da actividade produtiva, industrial e de servizos; ou ben se apela á necesidade de apostar por políticas expansivas onde o Estado xere, facendo uso da máquina de impresión de papel moeda, os cartos suficientes para que se active a economía a través da inversión pública en sectores industriais estratéxicos, da compra da débeda pública por entidades privadas –bancos fundamentalmente- e a reactivación do crédito. As dúas perspectivas, a pesar das súas múltiples diverxencias, coinciden no fundamental, intentar manter a orde vixente; o sistema económico –produtivo e monetario- capitalista actual e a estrutura política que lle permite sosterse, a democracia formal representativa.

Dende outra perspectiva –radical, subversiva e polo momento minoritaria, considerase que nos atopamos ante una situación límite que afecta ao paradigma en si. Non falaríamos dunha crise limitada e parcial, solucionable se se taponan certas feridas que fan desangrar o sistema -por exemplo as da crecente desigualdades, a do paro, a da corrupción a da cada vez máis estendida pobreza, a da contaminación, etc.- senón dunha crise xeral que afecta aos fundamentos sobre os que se asenta o estado actual das cousas. Falaríase así non dunha crise, senón de varias. Tal  e como sinala Dan Hauser, atopariámonos ante unha “crise de valoración –pola incapacidade do sistema de reificar tempo de traballo, regra do valor, nun contexto de hipertecnificación crecente, parcialmente compensada coa producción de diñeiro financiero, pero que de xeito evidente descansa sobre a economía real e a lóxica capitalista de acumulación material, (Unha) Crise ecolóxica, por esgotamento de recursos e colapso de sumidoiro. (Unha) Crise civilizatoria,  pola ruína definitiva do paradigma da representación na moeda –representación do valor-, apolítica – representación do poder no Leviatán- e da definición/clasificación do real –con formas distribuídas de construcción de discurso, que afectan á producción de subxectividade e á producción de realidade-. Todas as crises dentro dun mesmo proceso de descomposición, que se prolonga artificialmente, polo menos, desde os anos 70”. Temos, entón, unha crise de paradigma resumida en tres (sub)crises: a crise de valorización – de creación de valor, económica-, a crise ecolóxica e a crise de representación.

A crise de valorización e as súas consecuencias ecolóxicas.

A crise da valorización póñena de relevo os denominados “teóricos do valor” un grupo de pensadores, fundamentalmente alemáns, organizados no grupo Krisis –entre os que compre destacar a R. Kurz, A. Jappe ou R. Trenkle-. De xeito moi resumido, para estes autores o capitalimo atópase no momento límite quedándonos, case, por constatar a súa acta de defunción. Apoiándose no análise do concepto de Valor, elaborado xa por Marx no libro I do Capital, conclúen que a dinámica produtiva capitalista contén o xerme da súa propia disolución, estando necesariamente obrigado, pola súa dinámica interna, ao colapso. Vexamos un pouco máis polo miúdo o seu argumento: para os críticos do Valor o capital non pode crearse –nin acumularse- sen a explotación da forza do traballo –xa que é o traballo o que crea Valor, medíndose obxectivamente polo Tempo dedicado a el-. Pero, no marco de competitividade xeneralizada na que nos atopamos –xa que a competividade é un valor irrenunciable para a dinámica de producción capitalista-, para que se poidan xerar beneficios, o sistema de producción industrial debe estar equipado coas tecnoloxías máis punteiras para optimizar a producción, no menor tempo e co menor custo posible. Pouco a pouco as tecnoloxías van substituíndo ao traballador no sistema de produción de mercadorías, co que cada produto vai contendo menos traballo humano nel, que é a única fonte de Valor, de plusvalía e, por tanto, de beneficio. Esta ausencia de beneficio en cada produto viuse compensada pola tendencia á sobreprodución que, a xuízo de Kurz e Jappe, estancouse nos anos 60 do século XX. É nese contexto onde xurde o fenómeno da financiarización, que, partindo do abandono do patrón ouro como medida de convertilidade do dólar, supón a entrada no terreo da acumulación do capital da débeda e o crédito: a produción de valor sustentábase na anticipación das ganancias futuras previstas. A prosperidade grazas ao crédito –isto é, grazas a cartos artificialmente creados- era a única maneira de manter vivo ao sistema, que colapsa cando é obvio que a economía real non pode soster á presente economía fantasmagórica –do virtual, do imaxinario, da débeda-. Como cada vez hai máis distancia entre o papel dos traballadores –a forza do traballo que é a única xeradora de valor- e da tecnoloxía –que evoluciona de xeito irreversible- aumenta a explotación do beneficio –ficticio-. “ O crédito, que é un beneficio consumido antes de terse realizado, pode pospor o momento no que o capitalismo alcance os seus límites pero non pode abolilo”. Isto unido a: a) Ao non menos importante límite ecolóxico froito da sobreprodución: por unha banda o ciclo natural é incapaz de proporcionar recursos, materias primas e enerxía suficiente para alimentar a voracidade da cadea produtiva. Por outra, vese radicalmente alterado pola contaminación masiva sen poder absorber os residuos xerados no sistema produtivo industrial, quedando o planeta, como consecuencia disto, reducido a un gran sumidoiro. B) As crises sociais. Causadas pola precarización das condicións laboráis (a procura do máximo beneficio unido ao menor custo posible produce que os salarios diminúan) ou, directamente, pola ausencia de traballo dada a irremediable substitución do traballo humano por tecnoloxías máis eficientes e produtivas (o que, á vez, provoca o colapso do sistema xa que as persoas non dispoñen dos cartos suficientes, por non dispor de traballo, para consumir os productos que a maquinaria industrial non deixa de producir). c) Á percepción do aumento da desigualdade e á fenda cada vez máis ampla entre posuidores e desposuidos-. d) Pola crise política, debida á desconfianza na democracia formal e representativa –corrupción, partitocracia, perda de lexitimidade das institucións estatais, etc.- Todas estas razón unidas conforman unha tormenta perfecta que debe levar un cambio de paradigma que substitúa ao neoliberal actual.

No hay comentarios:

Publicar un comentario